domingo, 23 de noviembre de 2008

NOTAS SOBRE ARQUEOLOGÍA DE REDONDELA ( III )

A CULTURA CASTREXA

No noroeste peninsular desenvólvese dende os comezos do século VI ata finais do II antes de Cristo, unha peculiar cultura que recibe o nome de «castrexa» por se-lo seu elemento máis característico o tipo de poboado fortificado que posúe e que se denomina «castro» (da palabra latina castrum).

Un interesante enclave castexo témolo nunha elevación duns 336 metros sobre o nivel do mar, que se coñece indis-tintamente por «Coto do Castro», «Coto de Negros», «Monte do Casto» ou «Castro Grande». E límite entre as parroquias de Negros e Cabeiro. A súa configuración vennos dada por unha acrópole rochosa e varias terrazas orientadas cara ó ponente, por onde ten a entrada. Os seus eixes principais miden uns 56 metros en dirección N-S e uns 77 metos en dirección Este-Oeste.

O seu sistema defensivo conta cunha muralla que fortifica a súa acrópole, terraplenes e un alongado parapeito cara ó seu lado occidental. O forte desnivel que posúe polo nacente constitúe a súa defensa natural por esta zona. En diferentes puntos do castro obsérvanse restos de construcción de pedras. Neste emprazamento castrexo atopáronse en superficies diversas fragmentos de cerámica indíxena e romana. Así mesmo posúe un interesante folclore que fai referencia ós «mouros» e ós seus «tesouros» e ó tema da «muller-serpe».

Servindo de límite ós Concellos de Redondela e Soutomaior, témo-lo importante castro da Peneda, na parroquia do Viso. a uns 324 metros sobre do nivel do mar. Cómpre salienta-la súa boa posición estratéxica que lle permite controla-las terras de cultivo que se extenden ós seus pes, unha ampla zona da ría de Vigo e a embocadura do río Verdugo.

Na actualidade, anque está moi modificada a súa estructura primitiva, pódense apreciar en determinados puntos, restos da muralla de pedra que o defendía (sobre todo cara ó Sudoeste). restos de vivendas pétreas e numerosos materiais arqueolóxicos, esparexidos pola súa superficie.

Foron moi numerosos os obxectos arqueolóxicos que se atoparon neste castro. A maior parte deles formou a sonada colección de D. Xosé Solla, que hoxe está no Museo Provincial de Pontevedra.

Podemos salienta-los seguintes:

Un caldeiro de bronce ou «sítula»; un coitelo; un alfinete; unha agulla; unhas pinzas; unha fibela, etc, tamén do mesmo metal; varias machadas pulimentadas e muiños circulares e naviculares de pedra; cerámica indíxena con fermosos motivos estampillados e incísos; ánforas romanas e cerámicas pintadas, etc.

E interesante sina-la localización neste xacemento castrexo dun «concheiro» do que xa foron extraídos moitos res-tos de moluscos (ostras, croques, ameixas, etc.) e un pequeno anzó curvo de bronce, que nos documentan a práctica da pesca e do marisqueo, como actividade económica paralela ós labores agrícolas e gandeiros que se desenvolven nesta época.

O achado dun tesouriño ou acubillo de moedas de bronce pertencentes a diferentes emperadores romanos dos séculos III e IV indícanos que a vida deste castro continuou ata esas datas.

O comenzo do hábitat neste xacemento podería remontarse ata o Bronce Final, a xulgar polas catro machadas de bronce (de talón ou de tope) que xa antes sinalamos que foron encontradas neste monte.

Temos logo varios topónimos e lugares que posúen un interesante folclore que na maioría dos casos está relacionado con xacementos castrexos, que poden indicarnos outros emprazamentos desta época nestas terras redondelanas, pero que agardan a súa exploración definitiva. Este é o caso do chamado «Castro Ferreiro» ou «Castro Pequeno», en Negros; «Castricán» na Nogueira, «Eido da Moura» e «Eido da Raiña» en Soutoxuste e «Castriño», todos eles na parroquia do Viso; e «Coto dos Lobios», en Trasmañó.

Nota.- Dos fotografías del castro de "A Peneda". Una desde el norte y otra desde el sur. Destaca el dominio que ejerce sobre las fértiles tierras de cultivo de sus alrededores y su gran visibilidad sobre la ría de Vigo

No hay comentarios: